Autoría colectiva (2019) é unha pintura asinada por todas as persoas que participaron do proceso. Como acontece no cine, onde ata o traballo máis auxiliar ten a súa cota de recoñecemento nos títulos de crédito, nesta peza, os oficios que foron precisos para que o da pintura fose posible, reciben a súa respectiva consideración. Así, están presentes os creadores da pintura, dos pinceis, do lenzo…
A obra reivindica, deste xeito, unha autoría coral, un traballo en equipo lonxe do ideal romántico (e tan reacionario como atraínte) de artista, que non é un xenio aillado da sociedade. Debemos acabar coa idea individualista da creación. Deus non existe.
Na fotografía, feita no meu taller, aparece unha cadeira baleira á espera do espectador, parte última do proceso e que sen el, nada tería sentido.
Sirva este símbolo como reivindicación.
Imaxe publicada no catálogo Tantas Imaxes IV – O obradoiro I editado polo Espazo Cubo xunto a Pilar Alonso, Thomas Apostolou, Pepe Cáccamo, Yolanda Dorda, Cynthia Fusillo, Nuria Lago, Menchu Lamas, Sana López Abellán, María Maquieira, Xosé Luís Otero, Antón Patiño ou Christian Villamide.


A peza foi exposta na mostra Un martillo, dos martillos comisariada por Tayone en Maison Ruina. Vigo, decembro de 2019. E estivo presente no XVI Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense.